28 jun 2013

ANOVA SOLICITA QUE SE TOMEN MEDIDAS PARA EVITAR O DERRUBAMENTO DO TEITO DO TEMPLO DA PASTORIZA E QUE SE PROCEDA AO SEU ACONDICIONAMENTO

Demanda que se actúe dilixentemente para evitar a mala imaxe que suporía o abandono deste monumento, con parte do teito xa caído, no inicio da Volta ciclista a España.


Dende o Grupo Local de ANOVA Irmandade Nacionalista en Vilanova de Arousa queremos facer un chamamento ao Concello de Vilanova de Arousa e ás demais institucións implicadas na promoción turística e na conservación do seu patrimonio (Deputación Provincial de Pontevedra e Xunta de Galicia), para que presten atención sobre o lamentable estado no que se atopa o templo da Pastoriza, tamén coñecido como A Igrexa Vella,  situada en pleno centro urbano de Vilanova de Arousa e a poucos metros de onde se vai ubicar a saída da Volta Ciclista a España.

Calquera que se achege a visitalo pode comprobar a situación de degradación e deterioro no que se atopa. A simple vista pode apreciarse que caeu unha parte do tellado e entra auga o que fai deteriorar aínda máis rapidamente o resto, cun grave risco de derrubamento....  É evidente que de non tomar medidas antes do próximo inverno, a situación volverase irreversible. 

Esta igrexa é do século XVIII, dá nome a todo o barrio no que se asenta e destaca tamén por ser o templo no que se bautizou o escritor Valle Inclán. Dende fai máis de 50 anos non se celebran actos relixiosos nela, pero si se utilizou durante anos como lugar de ensaio da Banda de Música municipal.  No seu día falouse da súa recuperación, pero parece que as administracións perderon o interese pola conservación deste importante elemento patrimonial de Vilanova.

No mes de agosto vai ter lugar a saída da Volta Ciclista a España dende Vilanova, a pouquiños metros de onte está a igrexa.  Non se pode esquecer a importancia que isto pode ter para a promoción turística. Sabemos ademais que o criterio sobre este tipo de retransmisións non queda soamente no estritamente deportivo, senón que se fai unha radiografia paisaxística e monumental da zona pola que pasa a Volta, con moitas imaxes dende helicóptero.  Non quererá o Concello ofrecer a calamitosa imaxe do tellado da igrexa derrubado por todas as televisións do Estado?

Tamén lembramos as viaxes que o Alcalde, Gonzalo Durán, fixo a Strafford para, segundo afirmaba, copiar o modelo de promoción cultural que alí existe arredor da figura de Shakespeare.  Pois ben, a Igrexa Vella tería a mesma representación cá Igrexa da Santisima Trindade nos libros de Willian Shakespeare, coa diferenza de que unha está restaurada e é lugar de culto e visitas e a da Pastoriza esta a caer polo abandono do Concello e doutras administracións.

 Dende ANOVA solicitámoslle ao Concello que actúe contra o reloxo (en argot ciclista) e que xa que a Deputación vai a gastar preto de 2 millóns de euros para poder cortar a cinta inaugural da Volta ciclista, apareza unha partida para arranxar a parte derrubada e para que se corrixan os elementos necesarios para evitar que se veña abaixo o tellado definitivamente.


Solicitamos tamén que por tarde dos técnicos municipais se faga un informe do estado estructural do templo e das medidas precisas para o seu acondicionamento e posta en valor. 

26 jun 2013

AGE acusa a Feijóo de ser un “rei Midas ao revés” e acabar coas caixas de aforros

A viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, acusou ao presidente da Xunta de “ser un rei Midas ao revés” e acabar coas caixas de aforros. Todo isto adobiado coa habitual restra de mentiras e medias verdades que engalanan a acción de goberno do señor Núñez e os seus secuaces. Foi na última sesión de control ao xefe de Executivo no actual período de sesións, cando Alternativa preguntou arredor da súa estraña querenza por ocultar información ao Parlamento de Galicia. “Cantos escritos debemos presentar para coñecer os contratos da Xunta co seu amigo narco Marcial Dorado”, interrogou Díaz. Por suposto, Feijóo non se deu por aludido.

“Vostede minte, minte e minte”, insistiu a viceportavoz de AGE, desta volta en relación á actitude do Goberno do PP na fusión e posterior desaparición das caixas de aforros. “Vostede dixo que a de KPMG era unha auditoría e que avalaba a fusión. Pois ben, nin era unha auditoría, que era un caderno de vendas, nin recomendaba unha fusión”. Díaz tamén lembrou que esa falsa auditoría custou 1.300.000 euros de todas as galegas e galegos e que o Goberno non permite o acceso público á mesma.
A viceportavoz explicou, ademais, que en marzo de 2010, cando se realizou o informe de KPMG, “todo o mundo sabía que as preferentes eran produtos tóxicos” e, aínda así, no caderno de vendas de KPMG recomendaban vendelas para facer fronte aos problemas das caixas. Alternativa Galega de Esquerda non se considera atinxida pola declaración de “segredos” dos papeis solicitados pola comisión de investigación das caixas no Parlamento e Yolanda Díaz anunciou que o grupo parlamentario difundirá publicamente esa información.

20 jun 2013

A retirada de 30 accesorios do catálogo do Sergas é un novo ataque ao dereito á saúde

A retirada de 30 accesorios do catálogo do Sergas é, segundo a deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Eva Solla, un novo ataque ao dereito á saúde da cidadanía. O pasado un de maio a Consellaría de Sanidade anunciou a redución de medicamentos e accesorios sufragadas polos cartos públicos, amparándose en que o Estado deixaba de financialos. Esta tarde, na comisión parlamentaria 5ª, en resposta a preguntas da parlamentaria Eva Solla, a Xunta volveu empregar esa escusa para xustificar a continuación do labor de zapa que realiza o Goberno do señor Núñez sobre a sanidade pública.


“A que está a xogar a Consellaría de Sanidade coa xente”, preguntouse Solla, “por que existe algún estudo previo do
impacto desta medida? Van compensar as rendas baixas?”. Todas as cuestión caeron en saco roto, porque o enviado do Sergas ao Parlamento parapetouse tras a decisión do Executivo de Rajoy, como se non fose o PP quen goberna en San Caetano e na Moncloa. “Á xente válelle de algo  que vostede recite a lexislación estatal?”, insistiu a deputada de AGE, “porque en realidade vostedes atacan os máis febles e logo aínda veñen ao Parlamento a dicir que defenden a vida”.

A medida aprobada polo Sergas implica que quedan fóra do catálogo accesorios como as cámaras de inhalación pediátrica –que custan uns 40 euros e que os pediatras dos centros de saúde públicos piden ás familias para poder reutilizalos-, os apósitos para traqueotomías ou as sondas vexigais de baixa fricción –que poden chegar a custar ao paciente 200 euros ao mes

Os comedores escolares deben abrir no verán para atender o alumnado con problemas económicos

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dos seus deputados Ramón Vázquez, esixe á Consellaría de Educación que abra os comedores escolares nos meses de xullo e agosto para atender o alumnado con problemas económicos e carencias nutricionais. Esta iniciativa, presentada nunha proposición non de lei, responde a que profesorado e asociacións de nais e pais veñen denunciando, ao longo do curso que acaba de rematar, o aumento de cativas e cativos con carencias alimentarias. “Mesmo confirmouse”, afirman os parlamentarios de AGE, “que o xantar realizado no comedor escolar constitúe a principal achega nutritiva da xornada para boa parte dos estudantes”.

Coa crise derivada do neoliberalismo extremo e as políticas da troika aplicadas en Galicia polo Goberno do señor Núñez a forza de recortes e unha austeridade suicida, as condicións de vida das maiorías sociais empeoran día a día. 93.000 familias sobreviven con todos os seus membros en paro e 33.000 non reciben ningún tipo de ingreso. Datos do Instituto Galego de Estatística aseguran que seis de cada dez familias apenas dá chegado a fin de mes. 650.000 persoas están en situación de pobreza e 120.000, en pobreza severa. Neste contexto, os pediatras agrupados na Asociación Española de Pediatría insisten nos problemas de desnutrición infantil derivados do incremento da pobreza provocada polas accións da dereita que ocupa os diferentes gobernos.
Alternativa reclama, así, que os comedores escolares de vilas e cidades galegas abran durante as vacacións, o que permitiría que nenas e nenos accederán a unha alimentación axeitada e pide á Xunta un programa de atención socioalimenticio para os cativos de familias con dificultades socioeconómicas.

19 jun 2013

AGE non participará na pantomima da comisión de investigación das caixas se non se levanta o carácter secreto da información

O voceiro, Xosé Manuel Beiras, e a vicevoceira, Yolanda Díaz, anunciaron que continuarán o traballo de consulta e investigación do material aportado pola Xunta pero “practicaremos a desobediencia e o desacato” xa que non respectarán a imposición do PP de manter o silencio respecto ao que descubran.


Alternativa Galega de Esquerda pasará a ter estatus de observador na Comisión de investigación das caixas de aforros se o Partido Popular non reconsidera a decisión de considerar secreta a información remitida por parte da Xunta de Galicia relativa as caixas de aforro galegas. Así, o voceiro do grupo, Xosé Manuel Beiras, e a vicevoceira, Yolanda Díaz, explicaron que continuarán traballando e consultando toda a información aportada pero non participarán nas comparecencias nin na elaboración do ditame xa que “non seremos cómplices deste fraude e engano a cidadanía coa parodia de comisión de investigación que o PP pretende impoñer”. 


Os deputados e deputadas de Alternativa Galega de Esquerda advirten que practicarán ademais a desobediencia e desacato xa que non se se consideran obrigados a respectar o segredo e polo tanto manter o silencio sobre todo o que o grupo parlamentar descubra a través da información remitida ao Parlamento. “Non estamos dispostos a que nos convertan en servos nin acatar e obedecer as ordes que nos quera impoñer un grupo, nos somos leais aos nosos representados” declarou Xosé Manuel Beiras.

18 jun 2013

Proposición non de lei, presentada por AGE ante a Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia, no proceso de Regularización das Embarcacións de Pesca

Á MESA DO PARLAMENTO

O Grupo Parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu voceiro e a iniciativa do seu deputado Juan Manuel Fajardo Recouso, ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Comisión.

Exposición de Motivos:

Milleiros de pequenos armadores de Galicia, en realidade milleiros de pescadores artesanais, que co apoio suficiente da administración poderían crear emprego nunha situación como a actual, de acadar o apoio suficiente da Xunta de Galicia, están sendo de novo atacados polos gobernos de turno, neste caso polo proceso de regularización das súas embarcacións.

Durante anos a propia administración foi permisible co sector, incluso outorgando axudas públicas para modificar a realidade e configuracións das embarcacións utilizadas para a pesca nas nosas costas, polo que a día de hoxe a gran maioría das embarcacións cuias características actuais non concordan cos parámetros de orixe das mesmas.

O protocolo da Xunta sobre acoso escolar é improvisado, burocrático e punitivo

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dos seus deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron, cualifica o denominado Protocolo Xeral de Prevención, Detección e Tratamento do Acoso Escolar e Ciberacoso, enviado onte acompañado dunha circular de instrucións aos centros públicos de ensino non é máis ca “unha medida improvisada da Consellaría da Educación ante as reiteradas denuncias existentes”. AGE vén manifestando a súa preocupación crítica polo aumento de casos e denuncias de acoso e violencia escolar.

Pero a solución ofrecida pola Xunta con este documento (pode consultarse completo nesta ligazón: http://www.edu.xunta.es/web/node/9678) presenta numerosos puntos escuros. O primeiro, explica o parlamentario Ramón Vázquez, refírese á súa elaboración de costas á comunidade educativa. “Non contaron cos observatorios da convivencia escolar, nin co galego, nin cos provinciais nin cos das escolas”, expón, “e tampouco con asociacións e colectivos dedicados ao asunto”. Ademais, os datos sobre os que se alicerzan as medidas de Educación baséanse en informes de ámbito estatal e datados no ano 1999.
“Todas as accións recollidas neste protocolo teñen a ver con cubrir fichas, é burocrático e punitivo, e non propón ningunha intervención”, critica Vázquez, “e despreza o papel dos orientadores dos centro públicos de ensino. Para poñerlle o ramo, fala de ‘medidas reeducadoras’, un concepto superado hai anos en pedagoxía”. Alternativa Galega de Esquerda presentará iniciativas para instar a que o Goberno do señor Núñez Feijóo elabore estudos precisos sobre o acoso e a violencia escolar e a partir dese diagnóstico real realice intervencións efectivas para eliminar o andazo.

17 jun 2013

AGE asegura que o Plan de parto da Xunta quedará en papel mollado sen un plan de aplicación

Alternativa Galega de Esquerda presentou no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas sobre a posta en marcha do Plan de parto e Nacemento impulsado pola Xunta de Galicia instando á realización dun estudo da súa aplicación dado que senón non tería utilidade e quedaría en papel mollado.


Recentemente ven de publicarse dito plan que serve como guía para as nais dentro dun parto normal e cun feto san no que entre outras cousas inclúen recomendacións de non usar unha serie de manobras que hai anos eran habituais e que aínda se están a aplicar na rede de hospitais do SERGAS. Así mesmo, establécese a posibilidade de que as futuras nais escollan certos aspectos de como queren que sexa o seu parto, antes, durante e nos momentos posteriores. Para o grupo de Alternativa Galega de Esquerda resulta difícil imaxinar como a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde van conseguir cumprir algúns dos puntos do plan dada a situación de adelgazamento do Sistema Público de Saúde e o estado das maternidades e o estado das maternidades nos nosos hospitais. Polo que, sen un plan a curto, medio e longo prazo de ditos servizos, o contido deste Plan de Parto e os dereitos das futuras nais poderían quedar en papel mollado tal e como sinalan os deputados de AGE, Eva Solla e Xabier Ron.
Por este motivo, o grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda insta á Xunta de Galicia a publicar, como mínimo anualmente, un informe que inclúa información sobre o número de plans de parto e nacemento empregados nos hospitais públicos galegos; o número de aminiorraxias, episiotomías, administracións de oxitocina endovenosa e partos instrumentados realizaronsonse en partos eutócicos e distócicos; balance do estado dos servizos de atención ao embarazo e parto; plan de traballo anual para acadar a atención desexada nun parto eutócico; así como un anexo económico, con explicación dos investimentos da Consellería de Sanidade para o mantemento e mellora dos servizos.
Por outra banda, AGE presentou varias preguntas para saber qué medidas pensa adoptar o SERGAS para mudar os protocolos de atención para adaptalos á utilización do Plan de parto, como vai garantir que se cumpra en todas as maternidades e cómo pensa formar ás e ós profesionais para asegurar que os termos contidos no mesmo se cumpran.
En definitiva, desde o grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda solicítase que a Consellería de Sanidade non quede no mero anuncio de aprobación dun plan senón que explique de qué xeito vaise poñer en práctica para se converter nunha realidade e non rematar por ser unha nova estratexia publicitaria do PP baleira de contido real para a cidadanía.

Pero como ademais do dito, nos insistimos en que ser nai ou non selo é un dereito das mulleres e non unha obriga, deixamosvos de acompañamento esta intervención da compañeira Eva Solla:



15 jun 2013

ABORTO LIBRE, GRATUÍTO E SEGURO: AS MULLERES DECIDIMOS!

Anova, que forma parte do Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, apoia a manifestación convocada para este domingo, 16 de xuño, ás 17 h en Santiago de Compostela, saíndo da estación de tren.
Dende Anova consideramos que o dereito das mulleres a decidir sobre os propios corpos é tan básico que nos parece un absurdo estar a discutilo na segunda década do século XXI.

A AGRUPACIÓN COMARCAL DE ANOVA – IRMANDADE NACIONALISTA DO SALNÉS ACTÚA EN DEFENSA DO MANTEMENTO DOS REXISTROS CIVILES


O PP quere sacar este servizo dos Xulgados de Paz dos Concellos, centralizándoos nos Rexistros da Propiedade e abre a porta a cobrar por Certificados de nacemento, matrimonio ou defunción.

Os Grupos Locais de ANOVA do Salnés presentarán escritos nos Concellos para pedir o mantemento dos Rexistros civiles municipais e que os trámites nos mesmos sigan a ser gratuitos para os cidadáns.

O grupo comarcal de ANOVA Irmandade Nacionalista no Salnés, a vista das intencións expresadas polo ministerio de Xustiza do Partido Popular, na man de Alberto Ruiz-Gallardón, de reformar o Rexistro Civil, trásladando este servizo público dos Xulgados de Paz aos Rexistros de Propiedade, ven de acordar unha serie de actuacións en defensa do mantemento deste servizo así como para garantir que siga a ser gratuito.

Como primeira medida os Grupos locais de ANOVA presentaron xa escritos nos concellos da comarca para solicitar que nos plenos municipais se trate este tema e que as corporacións municiapais acorden dirixirse ao Ministerio de Xustiza e a Xunta de Galiza para rexeitar a modificación da Lei e solicitar o mantemento do Rexistro Civil nos Xulgados de Paz.  ANOVA tamén colaborará na recollida de sinaturas de apoio que se está a realizar dende os propios Xulgados de Paz e polos sindicatos.

No caso de aprobarse a modificación lexislativa, no caso dos concellos da comarca significaría que os veciños de O Grove, Ribadumia, Meis, Meaño terían que desprazarse a Cambados; os de Vilanova e a Illa a Vilagarcía e os de Sanxenxo a Pontevedra para facer xestións que agora se fan no propio Concello ao estar ubicado neles os Xulgados de Paz (inscricións de nacementos, certificados de matrimonio ou defunción…).

Pero non conforme con isto, a reforma abre a porta a aplicar taxas, ao declarar que os cidadáns deberán sufragar o custo deste servizo aos Rexistradores da Propiedade (nótase que Rajoy é Rexistrador…) co cal para poder nacer, casarnos ou mesmo morrer de maneira oficial necesitaremos pagar un imposto.

Deste xeito, aínda por riba do desprazamento, imos ter que pagar un imposto (outro máis) por conseguir un simple papel, que na maioría dos casos é a propia Administración quen nolo esixe para bolsas de estudos, axudas ou pensións…


Todo isto sen falar dos milleiros de postos de traballo que se poden perder, xa que con esta reforma o PP inicia o camiño da supresión dos Xulgados de Paz dos Concellos máis pequenos, a pesar das importantes funcións que realizan e do alivio de traballo que supoñen para o resto do entramado xudicial.

Por estes motivos, dende ANOVA rexeitamos a modificación prevista polo Ministerio de Xustiza, instamos aos Concellos a que fagan o mesmo e aos veciños a que se manifesten en contra desta supresión de servizos dos Xulgados de Paz; e que asinen nas follas de recollida de sinaturas en contra desta reforma que están expostas nos distintos Xulgados de paz da comarca.



Todos debemos opoñernos a esta reforma, e esixir o mantemento dos servizos do Rexistro Civil nos xulgados locais, garantindo así o dereito a un servizo universal, público e gratuíto.  Porque xa está ben de tanto abuso, de tanto recorte no sevizos públicos, tanto poñer impostos para non solucionar nada e de que sempre teñan que pagar os mesmos.


13 jun 2013

A GRAN ESTAFA DE DURAN, Explicada con datos, non con insultos

A empresa non ten cartos e leva mais de un ano sen pagar a hipoteca, o concello esta na ruína por que a 31/12/2011 presenta débedas con acredores por importe de 10.646.222,16 €, moitos dos térrenos non foron pagados na súa totalidade aos veciños, térrenos que non poden recuperar os propietarios, por que teñen unha carga hipotecaria que leva dende abril de 2012 sen ser abonada, e todas aquelas persoas que se achegaron en febreiro do 2011 a deixarlle o seu curriculum o alcalde no salón de plenos do Concello, foron estafadas, xa que a empresa recoñece que non ten comprador nin existe contrato con ningunha empresa para o aluguer da superficie comercial.
A semana pasada dende o Grupo Local de ANOVA de Vilanova de Arousa remitiamos aos medios unha nota alertando sobre a situación financeira na que se atopa a promoción da Area Comercial de Deiro - Vilanova de Arousa e pedíndolle ao Alcalde Gonzalo Durán explicacións públicas de todo o proceso e tamén sobre o que isto supoñía para o Concello.
Gonzalo Duran, fiel o seu estilo, quixo escapar das súas responsabilidades e, en vez de explicarse, dedicouse a tentar culpar ao mensaxeiro, insultando e  tentando desacreditarnos. O goberno do Partido Popular, non se preocupou en comprobar estes datos que son públicos e que os poden solicitar no Rexistro Mercantil, ou no Rexistro da Propiedade, como nos fixemos, tendo moitos mais medios cos nosos, a pesares de ser avisado con tempo pola nosa parte, da grave situación económica que esta a sufrir a empresa Desarrollos Vilanova, S.L. e que vai afectar negativamente aos ingresos municipais e a moitos dos nosos veciños. 
ANOVA é unha organización nova, pero as persoas que formamos parte dela non, e algúns ademais levamos moitos anos xa nesto da política municipal, máis incluso que o propio Duran, polo que non nos impresionan para nada as formas que utiliza este personaxe, por que para nos esta non e forma de facer política, nin de traballar para os veciños, que esixen, e se lles debe, responsabilidade, transparencia e ser informados, cousa que o goberno do PP non o demostra, e polo tanto, dende ANOVA, sentímonos obrigados a facer públicos estes datos, xa  que a situación na que se atopa a promoción terá consecuencias inmediatas negativas para os propietarios dos terreos que aínda non cobraron e para a situación económica do Concello, polo que o noso deber é informar a opinión pública, e como o alcalde parece que non quere facelo, pois decidimos facelo nos.
A vista dos datos que reflexa a empresa promotora do Centro Comercial, Desarrollos Vilanova, S.L. na memoria das Contas Anuais do Exercicio 2012, enganouse as persoas con aquel anuncio de entregar curriculúms, abusando da necesidade de traballar da xente, e buscando claramente un rédito electoral a corto prazo, xa que se fixo semanas antes das eleccións municipais. Xa que non o décimos nos, se non que o recoñece a propia empresa na súa memoria, NON EXISTIA NIN EXISTE ACORDO CERRADO CON NINGUNHA FIRMA PARA INSTALARSE EN VILANOVA, e  porque afirmamos isto??
O que ledes máis abaixo e un extracto da memoria  das Contas Anuais do ano 2012 da mercantil “Desarrollos Vilanova S.L.”, a promotora do proxecto do centro comercia, e que podedes visaluizar no seguinte enlace:

Este documento oficial, inscrito no Rexistro Mercantil de Madrid, é publico a quen o solicite, e que este interesado na situación financeira da empresa, e foi emitido pola propia empresa, demostra sen lugar a dúbidas, que a promotora do Centro Comercial de Deiro en ningún momento tivo un inversor que quixera instalarse neses terreos, nin Alcampo, nin ningunha outra grande superficie. Foi todo unha mentira utilizada por Gonzalo Duran, nas súas ansias de protagonismo e de recadar votos.
O alcalde non quixo explicar apenas nada sobre a situación financeira na que se atopa a empresa DESARROLLOS VILANOVA nin sobre o que se lle adebeda aínda aos veciños do Concello polas súas terras. Seguramente non quixo explicar nada porque, logo de ser o máximo valedor do proxecto, os veciños comprobarían que só lles venderon fume, que os enganaron. Dende ANOVA queremos demostrar con documentación cal e a situación real da empresa a vista dos datos que fai públicos.
Estes son uns extractos da mesma memoria, onde queda ben claro que a empresa non pode afrontar os pagos pendentes polos terreos, o cal complica e moito a situación dos propietarios das fincas que teñen partidas por cobrar: Desarrollos Vilanova, S.L. recoñece na memoria das contas Anuais que leva dende o mes de Abril do 2012 sen pagar a hipoteca, e tampouco pagou aos veciños pola compra deses térrenos, por que recoñece que a 31/12/2012 inda lles debe aos veciños de Vilanova que lle venderon as súas fincas, 134.185,30 €, pero que hipotecou o pouco de compralos a pesar de non habelos pagado, e polo tanto non os van a recuperar os veciños, xa que están suxeitos a unha hipoteca que nin sequera e capaz de pagar a promotora, e que si o banco quixera xa a podía haber embargado, executando a garantía hipotecaria.

O Concello non pode nin alegar descoñecemento nin lavarse as mans sobre esa área comercial, porque non hai que esquecer que o Concello é membro da Xunta de Compensación que desenvolve a urbanización dos terreos (que logo de 2 anos constituída seguen a monte …), unha xunta de compesación que por certo ten o súa sede nun domicilio particular dunha parroquia de Vilanova, e que calquera veciño pode comprobar entrando na paxina 68 do Boletín da Oficial da Provincia de Pontevedra. Sendo ademais o propio Concello quen asinou un convenio coa promotora para o desenrolo do proxecto.
Non podemos deixar de expresar a nosa preocupación pola situación a que a irresponsabilidade de Gonzalo Duran levou ó Concello de Vilanova, facendo o conto da leiteira, comprando o pazo de Vista Real a conto duns ingresos que aseguraba, mentindo, que ían a percibir, cando no momento en que se asinou o crédito el xa sabia que non existía ningún acordo pechado con ningunha empresa comercial para instalarse neses terreos e, polo tanto, existía o risco de que venceran os prazos, como así foi, sen que se cobrara nada.   E agora que?  Temos un dos Concello máis empeñados de Galicia, a 31/12/2011 ten unha débeda de 10.646.222,16 €, con dous plans de saneamento aprobados que non van a cumprirse e cun alcalde que non “baixa da burra”, négase a dar explicacións e continúa a vender fume, gastando o tempo en insultos e faltas de respecto que solo serven para deixar claro o tipo de persoa que é (NADA DO CENTRO DE DIA, NADA DO CENTRO DE TALASOTERAPIA E AGORA NADA DO CENTRO COMERCIAL…).    E MENTRES TANTO EN VILANOVA MÁIS DE 1.300 VECIÑOS EN DESEMPREGO.


POR CERTO, GONZALO, QUE FIXECHES COS CURRICULUMS?

QUE LLES VAS CONTAR AGORA A TODAS ESAS PERSOAS QUE CONFIARON NAS TUAS MENTIRAS??

A nova nos xornais dixitais publicada hoxe:

Diario de Arousa: ENLACE 1 ENLACE 2
Faro de Vigo: ENLACE 1 ENLACE 2
La Voz de Galicia: ENLACE 1


AGE acusa á Xunta de vender fume e desbaldir os cartos europeos para o Hospital do Salnés

A Xunta do señor Núñez Feijóo continúa producindo fume e propaganda en grandes cantidades. Desta volta, tócalle ao Hospital do Salnés, condenado a non ser máis ca, en palabras do deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Juan Fajardo, “un ambulatorio grande”. “E isto pode producir mortes”, engadiu Fajardo na comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, en que se debatían propostas de PSdeG e BNG sobre a necesaria ampliación da infraestrutura. A proba, e así o expresou o parlamentario de AGE sen que o Partido Popular o negase, é que a ampliación non se realizará este ano. Esta circunstancia provocará que se perdan 6.000.000 de euros prometidos para ese particular, que dependen de fondos europeos e que se non se gastan este ano, serán retirados.

“Só o enorme compromiso dos seus profesionais evita que se converta nunha especie de corredor da morte”, afirmou Fajardo. Antes lembrara a longuísima restra de promesas do PP incumpridas, incluídas as escritas pola deputada da dereita Marta Rodríguez Arias no seu blog cando gobernaba o bipartito. “Era unha cuestión que o PP reclamaba de maneira belixerante cando estaba na oposición”, recordaba o membro de AGE. As demandas da comarca do Salnés referentes ao hospital inclúen a habilitación dunha Unidade de Coidados Intensivos, quirófanos –esixidos por Rodríguez Arias na mesma comisión en 2007-, a mellora do servizo de urxencias ou unha unidade de reanimación.    

12 jun 2013

Feijóo pretende converter Galicia nunha esterqueira co plan mineiro

O denominado plan de actividades extractivas da Xunta do señor Núñez Feijóo converterá Galicia “nunha esterqueira”. Así llo explicou esta mañá na sesión de control a viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, ao presidente. “Vostede regala o país por anacos e quere convertelo nunha colonia vendida ás transnacionais”, afirmou, “e mentres a comarca de Ferrol está en guerra contra as súas mentiras, vostede está a prol de furar a terra coas minas a ceo aberto”. O proxecto do Goberno do PP permitirá habilitar calquera parte do territorio para extraer metais e minerais. É dicir, calquera lugar será susceptíbel de mudar en mina.
“Pero é que ademais quere envelenar a terra, porque vostede sabe moi ben que se precisa tonelada e media de cianuro para extraer uns gramos de ouros”, engadiu Díaz. O señor Núñez apenas respondeu máis que con vagas apelacións ao seu presunto respecto pola legalidade. Mentres o seu Executivo asente ao espolio nacional, ao que, en palabras da viceportavoz de AGE, “é o modelo Eurovegas en Madrid, aquí as minas a ceo aberto”, o presidente da Xunta inventa –en sede parlamentaria- cifras sobre os supostos empregos que crearán as explotacións mineiras.

O PP négase a que a Xunta só contrate con empresas que respectan a legalidade laboral

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dunha moción defendida pola deputada Consuelo Martínez, volveu esixir no Parlamento de Galicia que a Xunta só contrate empresas que cumpren coa legalidade laboral. “Parece incríbel”, admitiu Martínez, “que haxa que vir ao Parlamento para lle pedir ao Goberno que cumpra a lei”. A parlamentaria de AGE enumerou casos concretos de compañías que traballan para a Administración autonómica mentres violan leis, convenios e dereitos laborais. Entre elas, algunhas condenadas por non cotizar á seguridade social, por contratar esquirois durante as folgas, por non aplicar os convenios colectivos ou por non respectar os dereitos laborais de, por caso, as nais.

Logo de aceptar unha emenda de transacción do PSdeG, a moción de Alternativa, apoiada por toda a oposición, foi rexeitada polo PP a través dun deputado prepotente e máis de argumentos limitados que se dedicou a amparar a empresas contratadas pola Xunta que non cumpren a lei.