21 nov 2013

A xestión de Núñez Feijóo fai que Galiza perda autonomía financeira

O deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Antón Sánchez, denunciou o espectacular incremento da débeda autonómica dende que Alberto Núñez Feijoo chegou á presidencia da Xunta de Galicia, que provocou o conseguinte incremento do custe anual do servizo da débeda aos galegos e galegas que ten consecuencias sobre a redución do gasto non financeiro e sobre a perda de autonomía financeira de Galiza, todo o contrario do que presume o Partido Popular.
No proxecto de Orzamentos da Xunta para o 2014, en trámite, o importe do total de operacións correntes (capítulos I ao V) : é de 7.213,8 millóns de euros e a suma de amortización capital e gastos financeiros da sección 22 (custo servizo débeda) é de 2.071,1 millóns de euros, polo cal a porcentaxe de custo da débeda sobre as operación correntes é de 28,71%, superior, por tanto, ao límite máximo do 25% que determina o art. 30.2 do DL 1/1999, Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (*)
O límite do 25% sobre os ingresos correntes sería de 1.803,5 millóns de euros, polo cal os Orzamentos excédense na sección 22 (custo do servizo da débeda) en 267,6 millóns de euros sobre o límite normativo que fixa a lexislación autonómica.
O incremento do custo do servizo da débeda (que case duplica ao do exercicio 2013) está causado tanto polo incremento dos gastos financeiros como, moi especialmente, polo incremento do endebedamento neto (que medra 115 millóns respecto do 2013, un 18% mais).
Consecuencia de dito incumprimento é que no 2014 todas as emisións de débeda da Xunta deben ser previamente autorizadas polo Estado (**).
Para Alternativa Galega de Esquerda resulta sorprendente ao respecto que nin na Memoria dos Orzamentos nin no Informe Económico-Financieiro se conteña a máis mínima referencia ao incumprimento do límite máximo do 25% que fixa a normativa autonómica de réxime económico-financieiro nin ao feito de como consecuencia de dito incumprimento as emisións de débeda da Xunta teñan que ser previamente autorizadas polo Estado.
“Pese a que o señor Nuñez Feijoo presume de non ter que recorrer ao Fondo de Liquidez Autonómico, por unha suposta solvencia da Xunta de Galicia, e que con iso nos financiamos máis barato, a realidade é ben distinta á que nos pinta un presidente demasiado acostumado a mentir” declarou o deputado Antón Sánchez.
O Consello de Ministros do pasado 31 de outubro acordou autorizar á Xunta a formalizar préstamos a longo prazo (podes comprobar no enlace) en moeda distinta do euro e emitir débeda pública por importe de 257.588.000 €. Ditas operación de endebedamento teñen por finalidade o financiamento do déficit orzamentario do exercicio 2013, acordado no Consello de Política Fiscal e Financeira do pasado 31 de xullo.
No DOG de hoxe publícase as condicións de dita emisión, a un tipo de interese do 2,75%(podes comprobar no enlace). Dito tipo de interese é superior ao tipo de interese da débeda equivalente do Estado (tipo de interese dos bonos do Estado a tres anos da última poxa : 2,064 %).
E non só iso senón tamén superior á emisión recente de débeda doutras comunidades autónomas, caso, por exemplo, da de Canarias, cun tipo de interese nominal fixo do 1,75%.(podes comprobar no enlace)
Por todo elo AGE, a través do seu deputado Antón Sánchez, rexistrou no Parlamento unha interpelación para que a Xunta de Galicia aclare a situación do financiamento da débeda e do seu custo. O goberno da Xunta debería explicar e xustificar como nunha situación de descenso dos tipos de interese do mercado da débeda pública nos Orzamentos do 2014 os gastos financeiros medran nun 18% respecto do 2013. “O interese do señor Feijoo de vender unha imaxe falsa da súa xestión económica pagámola todos e todas os galegos e galegas en forma de máis custo da débeda e menor gasto social” sinalou o deputado Antón Sánchez.
(*) O art. 30.2 do vixente Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en relación coa débeda, dispón que “A contía das anualidades de amortización, incluído capital e xuros, non poderá exceder do 25% dos ingresos correntes previstos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma en cada ano”.
(**) A Disposición Transitoria Terceira da LO 2/2012, de estabilidade orzamentaria habilita temporalmente (ata 2020) a non aplicación do límite do 25% fixado no art. 14.2 da LOFCA, pero requerindo para elo a concurrencia de circunstancias económicas extraordinarias e que o seu obxectivo sexa a cobertura dos servizos públicos fundamentais e precisando, ademáis, que nese suposto as operación de débeda deben ser previamente autorizadas polo Estado.

18 nov 2013

A PROMOTORA DA ÁREA COMERCIAL DE DEIRO ENTRA EN CONCURSO DE ACREDORES MENTRES O ACALDE SEGUE SEN DAR EXPLICACIÓNS

O Grupo local de ANOVA en Vilanova de Arousa critica a actitude do goberno local, que  oculta  información e é incapaz de dar a cara diante dos propietarios afectados e dos vecinos.

O Grupo Local de ANOVA – Irmandade Nacionalista en Vilanova de Arousa quere informar os cidadáns de Vilanova, os membros da xunta de compensación da Área Comercial de Deiro e os propietarios de terreos que aínda non acabaron de cobrar a cesión dos mesmos, que a sociedade promotora da Área Comercial, DESARROLLOS VILANOVA, está en concurso de acredores e xa dende finais do mes de setembro con administración concursal designada e coas facultades de administración intervidas.

No pasado mes xuño, ANOVA xa advertiu que a mala situación financeira pola que pasaba a sociedade, o que unido á falta de perspectivas a curto prazo para acometer o desenvolvemento do proxecto, levouna a presentar pre-concurso. Informabamos de que a propia sociedade argumentaba como razóns para presentar o pre-concurso “que non fora capaz nestes anos de atopar socio investidor, promotor ou comprados dos terreos, a pesar de ser a súa principal prioridade” e de que propoñía aprazamentos dos pagos de ata 5-6 anos...

Xa daquela criticabamos a actitude do Concello por ocultar información sobre a situación real deste proxecto e enganar os cidadáns “vendendo fume”. Tamén lle pediamos explicacións dada a enorme implicación política do propio alcalde con este proxecto e tendo en conta ademais que o Concello forma parte da xunta de compensación creada para o desenvolvemento urbanístico da zona na que se tiña pensado facer a área comercial.  Lamentablemente coma sempre Gonzalo Durán perdeu a oportunidade de rectificar e pedir desculpas e o que fixo foi “botar balóns fóra" intentando desacreditar “o mensaxeiro”, acusándonos de mentir e cualificándonos “do peor”...

Pois ben, o tempo termina sacando á luz a verdade... Como demostra a documentación que adxuntamos no pasado mes de setembro, a sociedade DESARROLLOS VILANOVA presentaba solicitude de DECLARACIÓN DE CONCURSO DE ACREDORES, recoñecendo un pasivo de 2.190.646,55 €, procedentes na súa maior parte dun crédito hipotecario existente sobre os propios terreos. O Xulgado xa nomeou un administrador concursal (a empresa Forensic Solutions, SLP) que os administradores conservan as facultades de administración, pero sometidas a intervención dos administradores concursais, ou o que é o mesmo, non poderan tomar ninguna decisión transcendente para o desenrolo da actividade, sen o consentimento dos recentemente nomeados administradores concursais, para tentar chegar a un acordo cos acredores, ou se non é viable, proceder á liquidación da mesma con todos os seus activos, incluídos os dereitos sobre os terreos da área comercial de Deiro.

Esta actuación supón un novo atranco no desenvolvemento desa área comercial, cando menos a curto – medio prazo, todo co máis absoluto silencio por parte de quen foi o seu máximo impulsor e defensor, o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán.  Ao final terá que recoñecer que de “proxecto consolidado e firme” nada de nada; que o único que había era un intento de “pelotazo urbanístico” que se esfarelou como unha pedra de azucre pola crise do ladrillo.  

A entrada en concurso deixa na incertidume tanto os particulares donos de terreos que venderon e aínda non cobraron, como aqueles propietarios que quedaron incluídos na xunta de compensación. Os primeiros porque están a mercé do acordo de “quita e aprazamento de pagos”  ao que chegue a administración concursal cos acredores, pero tendo en conta que o principal acredor da sociedade e unha Entidade Financeira cos seus créditos privilexiados dos restantes, o ter unha garantía hipotecaria sobre os únicos activos da sociedade, que pode supor renunciar a parte da débeda e aprazar o cobro da mesma por varios anos; ou incluso no caso de non chegar a acordo e ter que liquidarse a sociedade perder parte ou toda a débeda xa que os terreos hipotecados terían que ir a subasta publica, na que faise moi difícil a adxudicación, por que solen quedar desertas.


E no caso dos propietarios que non venderon están en similar situación, xa que son membros dunha xunta de compensación duns terreos “indivisibles” que están afectados por unha hipoteca dunha empresa en concurso que pode chegar a liquidación, é dicir, ata que se resolva o concurso, non poden facer nada nos terreos e tampouco parece que se vaian desenvolver en varios anos.


É por todo isto polo que dende ANOVA volvemos interpelar ao Goberno de Vilanova, e presentaremos un escrito no Concello nese sentido, para que dea explicacións públicas sobre a situación na que se atopa a Área Comercial; qué vai facer o Concello como membro da Xunta de Compensación para defender os seus dereitos, xa que tamén é propietario, e os dos demais propietarios veciños de Vilanova de Arousa e finalmente qué vai supor esta situación para a situación financeira do propio Concello.


Non hai que esquecer ao fío de todo isto que o Concello de Vilanova acaba de aprobar o seu segundo Plan de Axuste Financeiro que establece medidas e recortes para os próximos 10 anos e que tiña unha póliza de crédito solicitada para a compra do Pazo Vista Real vinculada aos ingresos que ía percibir pola venda do aproveitamento urbanístico que lle correspondía nesa Área Comercial, e que o propio Alcalde dixo que se podía transformar nun préstamo hipotecario, xa que estes ingresos parece que serán moi difícil de concretarse a medio prazo, pero que terá un alto custe financeiro para as xa maltrechas arcas municipais.

PARADE!!!

“Nenos, nenas…XOGADE!” Cantas veces temos escoitado esa frase, ou algo similar, na nosa infancia. O deporte é algo fundamental na nosa vida, nos acompaña dende cativos que é cando estamos máis activos e sempre vai ligado a nós como un método san e beneficioso pra a nosa saúde, autoestima, desenrolo social,… Na escola foméntano en forma de asinatura, Educación Física, no cal nos instrúen na práctica de diversas disciplinas (fútbol, baloncesto, vollei, bádminton,…).

Nestes tempos que nos toca vivir, todo semella que é ao contrario; unha nova medida tomada pola Xunta, gobernada por un PP tiránico e incompetente, obriga á paralización de toda actividade futbolística das categorías base (adestramentos e competicións dende cadetes ata prebenxamíns). A razón é a prórroga do seguro médico deportivo do PROGRAMA XOGADE (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar), impedindo a práctica do fútbol ao arriscar aos clubs a correr eles cos altos gastos médicos dos seus xogadores no caso de se mancar. O devandito programa naceu pra apoiar aos equipos en categorías base de distintas modalidades deportivas pra cubrir o pago da mutualidade, o que supón un alivio pra a economía de moitos clubs; sempre houbo a ameaza durante varias tempadas de que esta axuda desaparecería, e semella que desta vez cumpriuse. Analizando a situación, as consecuencias directas, serían as seguintes: os xogadores con ficha en vigor do ano anterior teñen a asistencia médica cuberta ata decembro, ao estar contratado un ano natural grazas á tempada pasada, o problema radica nos novos xogadores, eles son quenes non terían ningún dereito ao retirárselle automáticamente o seguro.

Esta decisión afectará a milleiros e milleiros de menores galegos que comezaban con toda a ilusión do mundo esta tempada, e que de noite pra mañá poderían verse sen equipo, e o máis preocupante, os gastos dos pais e nais e principalmente dos equipos que xa están realizados.

A Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte, sendo cómplice das prácticas recortantes provintes de Madrid, non está apoiando á realización do deporte en xeral a todos os niveis, menosprezando disciplinas frente a outras, favorecendo uns equipos frente a outros, mantendo cargos, exercendo o enchufismo “por doquier”, as taxas abusivas das federacións, os prezos das entradas aos ximnasios,… Acaso alguén pensa que é unha boa xestión do deporte? Isto traerá consecuencias nas persoas de non favorecer á súa práctica: fomento do sedentarismo, enfermidades cardiovasculares, baixa autoestima, depresión, problemas para durmir, sensación de cansancio, problemas de relacións sociais, obesidade,…

A práctica do deporte non pode faltar nas nosas vidas e dende cativos haina que fomentar. É un deber da sociedade pra ter un futuro san.

15 nov 2013

Anova apoia as concentracións contra a sentenza do Prestige: NUNCA MÁIS!

"Estamos ante unha absolución de toda responsabilidade á administración e ao poder político que contan cunha impunidade total para poder cometer o crime que queiran cometer deixando na máis absoluta indefensión aos cidadáns" - sinalou Xosé Manuel Beiras. Estamos ante unha sentenza absolutamente indecente, que chega despois de once anos dunha catástrofe ambiental de magnitudes inconmensurábeis e a xustiza non atopa responsábeis penais -nin ao parecer de ningún tipo- e como resultado tampouco responsabilidades subsidiarias dunha administración incompetente. Estamos ante unha grave inxustiza cometida pola propia administración de xustiza. 

Como dixo ao coñecer esta sentenza o Portavoz Nacional de ANOVA Xosé Manuel Beiras: "Parece que estamos ante unha catástrofe natural, unha sorte de imponderable desastre no canto dunha irresponsábel actuación dunha administración que como no caso recente do accidente de Angrois busca un chibo expiatorio no maquinista, cousa que neste caso nin sequera posto que exonera a todos os actores da máis mínima responsabilidade. Lembremos que daquela o vicepresidente Rajoy, hoxe presidente do Goberno Español é o principal responsábel, o famoso "señor de los hilillos" de plastilina, cando sobre as nosas costas ameazaba a máis enorme marea negra da nosa historia. Estamos ante unha absolución de toda responsabilidade á administración e ao poder político que contan cunha impunidade total para poder cometer o crime que queiran cometer deixando na máis absoluta indefensión aos cidadáns". Dende ANOVA entendemos que as forzas políticas e a cidadanía debemos nun xesto de dignidade apoiar o recurso desta sentenza en alzada para impedir que semellante crime quede impune.

Por iso, Anova apoia as concentracións que se celebran hoxe, venres 15 de novembro, en protesta contra a sentenza polo Prestige. Na Comarca do Salnes habera concentracións nos concellos de Vilagarcía e do Grove.

Porque hai que volver exercer a dignidade: NUNCA MÁIS!